21/12/18

CURTOS PARA REFLEXIONAR

Traballámolos nas clases, pero pedimos colgalos no blog porque queríamos velos nas vacacións e compartilos na casa coas nosas familias.
  
BELIEVE IN LOVE. BELIEVE IN CHRISTMAS
Precioso, emotivo, doce, tenro... Minuto e medio  que visionamos sen pestanexar e que espontaneamente aplaudimos cando chegou ao final.
PIP
Curto sobre unha pequena cadela que soña con ser can-guía de persoas invidentes. É unha preciosa historia con momentos divertidos e moi emotivos. Namorounos a súa protagonista polo seu corazón e valentía.

MR. INDIFFERENT
O curto non nos deixa indiferentes. Valoramos que axudar aos demais produce máis felicidade.
 Enlace do conto de Nadal que compartimos nos últimos días do trimestre: LOS JUGUETES OLVIDADOS

CHOCOLATADA

Hoxe, para rematar o trimestre, tivemos a nosa tradicional chocolatada de Nadal servida polo alumnado de sexto. Tamén nos visitou o Apalpador, escoitamos ao coro do cole con panxoliñas e recibimos saúdos cariñosos de ex-alumnas e de ex-alumnos que pasaron polas nosas clases.
FELICES FESTAS!!!
Máis fotos clicando nas imaxes
Máis fotos clicando nas imaxes.
Tocan uns días de descanso e celebracións, voltaremos coas "pilas cargadas" e os mellores ánimos para as actividades e os proxectos que nos agardan co novo trimestre.
OS MELLORES DESEXOS PARA O ANO 2019!!!

17/12/18

CHARLA DA ASOCIACIÓN PROTECTORA DE ANIMAIS "OS PALLEIROS"

Xa podemos contar quen estivo hoxe con nós na biblioteca de Lampi: Gloria, Lara e Pili, membros da ASOCIACIÓN PROTECTORA DE ANIMAIS OS PALLEIROS, acompañadas por unha agarimosa cadela chamada Triana que foi a delicia de todos nós.

Explicáronnos en que consiste o seu labor sen ánimo de lucro e que se fai nun centro refuxio e de acollida como o que teñen en Campañó. Visionamos unha presentación coas imaxes dos animais que viven alí e con informacións que comentamos despois na clase. Tamén fixemos moitas preguntas.
Estes animais poden se adoptados, telos en acollida temporal ou sacalos a pasear a fin de semana. Esixen coidados, mimos, atencións, alimentación...

Lembramos: As mascotas non son xoguetes, non son obxectos, nin poden ser froito dun capricho. Son xenerosas en cariño e amizade, pero demandan responsabilidade, coidados e atencións.

Moitas grazas pola vosa visita que nos serviu para concienciarnos do traballo que realizades, sobre as consecuencias do abandono de mascotas e sobre as posibilidades que temos de colaborar. 

Velaquí algunhas imaxes da charla, do coloquio e dos "mimos" repartidos por Triana:
Clica para ver máis imaxes


14/12/18

UN NOVO ÓRGANO ?

Chegou unha carta das nosas mascotas que falaba dun novo órgano no corpo humano chamado INTERSTICIO. Alguén rapidamente apuntou que eso era asombroso porque damos por feito que xa se sabe todo sobre o corpo humano...
 
Asi que a proposta desta fin de semana consiste en investigar, preguntar, atopar ou consultar algunha información que engada algún dato máis do aportado pola carta.
O luns na sesión de Ciencias da Natureza intentaremos poñelo en común.
ÁNIMO!!!

ANIMACIÓN LECTORA: PREPARAMOS UNHA VISITA ESPECIAL

O luns, 17 de decembro, contamos cunha visita moi especial na biblioteca...fainos moita-moita ilusión, intentamos gardar o segredo.  En solo tres días teredes a reseña e as fotos...

En relación con esta actividade,  estes días traballaremos nas nosas aulas cos seguintes libros:

Amigos é un libro sen palabras. É un libro especial, de tenras ilustracións, pero as imaxes tamén contan historias. Toca as nosas emocións e chega aos nosos corazóns porque fala de amizade, de xente que está soa, que se sinte soa, de xente con medos, de xente maior e pequena, de xente que precisa axuda...de COMPARTIR, de facer COMPAÑÍA e de AMIZADE.




Amigos inesperados é un libro que recolle 47 historias reais e inspiradoras de animais que sen ter puntos en común establecen lazos de amizade de maneiras asombrosas.
Son relatos curtos de amizade que estamos a ler con moito interese e curiosidade. 
Fixámonos nos protagonistas e nos lugares onde sucederon. Tamén curioseamos as fotos e aprendemos sobre o comportamento animal.

5/12/18

OBRADOIRO PRÁCTICO DE PREVENCIÓN DA DOR DE COSTAS

https://photos.app.goo.gl/VzQBxaYEpxoTUBNa9
Hoxe tivemos a segunda parte do OBRADOIRO. Estivo a cargo do fisioterapeuta Manuel Fraiz e as estudiantes de Fisioterapia Cecilia e Olalla. 
Quedaramos emprazadas e emprazados para poñer en práctica todo o que aprendimos na primeira sesión de novembro, o que limos no folleto explicativo que se nos achegou e as instruccións do cartel que temos visible na clase.
Revisamos mochilas, recordamos como cargar e colocar as mochilas, como recoller obxectos do chan sen forzar as costas, como manter unha postura axeitada na cadeira, na lectura e na escritura.
Quedamos sensibilizadas e sensibilizados e a partir de hoxe intentaremos seguir levándoo á práctica todos os consellos recibidos.

ROMERO BRITTO: ARTE E COR

Páxina web de Romero Britto


















Hoxe investigamos en internet, co ordenador da clase ou cos portátiles, datos sobre este artista brasileiro con obras relacionadas co cubismo, o arte pop e a pintura de grafiti.
Vimos na pantalla moitas das súas obras e chamounos a atención o colorido de toda a súa obra e a alegría que contaxia.
Sabemos que naceu en Recife hai 55 anos e que actualmente vive en Miami.
Tamén limos que influiron no seu traballo artistas como Picasso ou Matisse.

 
Vimos algunhas das súas obras máis coñecidas na rede e agora trataremos de imitar o seu estilo para facer os deseños das tarxetas de Nadal. 
Xa temos algunhas ideas...nuns días veredes os resultados.